Monday 20 de May de 2024

A Xunta aposta pola formación especializada e a xeración de xornadas de debate para mellorar a Administración de Xustiza


O director xeral de Xustiza inaugurou hoxe a xornada da USC “A responsabilidade medioambiental en España: a experiencia do Prestige”

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, inaugurou hoxe a xornada “A responsabilidade medioambiental en España: a experiencia do Prestige”, na que apostou pola formación especializada do persoal xudicial, así como pola xeración de debates e xornadas de reflexións para mellorar a Administración de Xustiza.

Martín destacou que o feito de reunir a relatores das diversas administracións e ámbitos implicados é un “fiel reflexo da necesaria e imprescindible colaboración que debe existir entre todos os responsables para combater este tipo de delitos”. De feito, na inauguración tamén estiveron presentes o Fiscal Superior de Galicia, Carlos Varela, e o reitor da USC, Juan Viaño, como organizadora do evento.

No que respecta aos delitos medio ambientais, cuxo máximo expoñente o vivimos en Galicia no ano 2002 coa catástrofe do Prestige, Martín asegurou que hai que avanzar e apostar pola prevención e a persecución destas condutas. Así como por garantir que se cumpra o artigo 45 da Constitución Española e “quen dane o medio ambiente, ademais de responder penalmente por iso, deba reparar os danos causados”.

Nese sentido, lembrou que a Xunta formalizou ante o Tribunal Supremo un recurso de casación fronte a sentencia da Audiencia Provincial da Coruña en relación co accidente do Prestige. O recurso mantén que deben ser declarados responsables civís dos danos producidos tanto o capitán do barco como a compañía aseguradora e que a naviera armadora sexa declarada responsable civil subsidiaria.

O xuízo máis complexo
O xuízo do Prestige foi un dos máis complexos na historia da Xustiza galega, tal e como revelan as súas cifras: 400 horas, 89 sesións, 204 declaracións, 25 caixas de documentación e máis de 200.000 folios agrupados en 358 tomos.

Para cubrir as necesidades deste xuízo, a Xunta, como Administración instrumental, tivo que facer fronte a unha serie de necesidades materiais imprescindibles para a correcta celebración das sesións. Todo isto, remarcou Martín, nun magnífico exemplo de coordinación entre o Poder Xudicial e o Goberno galego.

As principais actuación consistiron na dixitalización do expediente e na dotación dun arquivo e depósito do procedemento; así como das instalacións necesarias para a celebración do xuízo. Sen esquecer a prestación doutros servizos que tamén resultaron necesarios para a organización e coordinación do seu desenvolvemento, como vixilancia, tradutores e intérpretes, equipamento tecnolóxico, etc. O orzamento de todas as actuacións superou o millón de euros, máis o custo das complexas probas periciais para determinar o dano causado.